Un pouco de historia...

Fundada no ano 1828, a Banda Artística de Merza é a agrupación popular máis antiga de Galicia. O primeiro director do que se ten constancia foi Anselmo González ó que sucedería o seu neto Roxelio Otero. Baixo a batuta deste director, no ano 1930, a banda dividiuse en dúas agrupacións, orixinando así a Banda Vella dirixada polo citado mestre e por Mariano Rodríguez; e a Banda Nova dirixida por Ramón Sueiro e Manuel Blanco. O 13 de xullo de 1939 e coa dirección de Xesús Cao González vólvense a xuntar ámbalas dúas formacións.

Ó longo da súa dilatada traxectoria foron moitos os directores que pasaron pola Artística, entre os máis destacados figuran: Xosé Fiuza, Francisco Beristain, Enrique González, Rafael Aladrén, Feliciano Cagide, Francisco Ortega, Enrique García Rey, Antonio Castro, Amadeo Valero (subdirector da Banda del Generalísimo), Antonio Amigo, Alejandro del Río, Miguel de Santiago, Vicente Paniagua, Xurxo Guzmán, Serge Fortin, José Rodríguez Ramos, José Luis Quintás Carreira, David Fiuza Souto e o actual mestre, Mateo Gómez Naval.

Do mesmo xeito interveñen importantes directores convidados coma José Casal, José Manuel Collazo, Xosé Carlos Seráns, Marcel Van Bree, Ángel Crespo, David Fiuza, Fernando Marinho ou Jan Cober.

A Banda Artística de Merza ten actuado por toda a xeografía galega levando a súa música a grandes auditorios (Auditorio de Galicia, Palacio da Ópera, Auditorio Municipal de Ourense, Pazo da Cultura…) e tamén en Asturias (Teatro Filarmónico de Oviedo), Valencia (Palau de la Música), Cantabria, Cataluña, Madrid (Teatros del Canal). Así como en Portugal (Casa da Música en Oporto) e Italia, sen esquecer as xiras realizadas por Venezuela nos anos 1982 e 1992, e por Arxentina no ano 2000. Así mesmo no ano 2009 participa no W.M.C. (World Music Contest) de Kerkrade sendo a primeira banda galega que concursa en tan prestixioso certame.

Participa asiduamente en festivais e certámenes de recoñecido prestixio coma son os de Vigo, Cangas, Santiago de Compostela, Ourense, Lalín, Vila de Cruces, Catoira, Castrelo, Gres, Ordes, Meaño, Boqueixón, O Rosal, Valadares e Pontevedra en Galicia, Altea e Valencia na Comunidade Valenciana, La Senia en Tarragona, Monçao e Trofa en Portugal, e Kerkrade en Holanda, así coma en gravacións para programas da Radio e Televisión de Galicia.

En 1981 editou o seu primeiro disco titulado “Bandas Galegas”, no ano 1998 o seu primeiro CD “171 Anos de Tradición Musical”, no ano 2003 o seu segundo CD “Aniversario” e no 2010, viron a luz dous novos CD’s: “A Música de Merza – Solistas” e “Merza – Un Século de Certames”. No ano 2016 realiza o traballo discográfico “Antoloxía do pasodoble no século XXI“. No 2019 grava o seu derradeiro CD “El Amor Brujo”, colaborando coa prestixiosa compañía holandesa Baton Music.

Entre os premios acadados por esta banda, cabe destacar os seguintes:

• Primeiro Premio no Certame de Bandas de Música de Santiago de Compostela no ano 1910.

• Terceiro Premio no Certame de Cangas no ano 1985.

• Terceiro Premio no Certame Celta celebrado en Vigo no ano 1986.

• Terceiro Premio no Certame de bandas de Lalín no ano 1990.

• Mención Honorífica no I Certame Galego de bandas de música populares, realizado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e a Radiotelevisión Galega no ano 1995.

• Segundo Premio na Sección Segunda do “Certamen Internacional de Bandas de Música Ciudad de Valencia” no ano 2002.

• Primeiro Premio e Mención de Honra na Sección Primeira do II Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación Provincial de Pontevedra no ano 2002.

• Premio da Cultura do Concello de Vila de Cruces no ano 2003.

• Primeiro Premio na Sección Primeira do III Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación Provincial de Pontevedra no ano 2003.

• Primeiro Premio e Mención de Honra na Sección Especial do IV Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación Provincial de Pontevedra no ano 2004.

• Primeiro Premio, Mención de Honra e “Trofeo Vila D’Altea” na Sección Primeira do “XXXIII Certamen Internacional de Bandas de Música Vila D`Altea” no ano 2004.

• Primeiro premio e Mención de Honra na Sección Especial do VI Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación Provincial de Pontevedra no ano 2006.

• Primeiro Premio, Mención de Honra e “Trofeo Vila D’Altea” na Sección Primeira do “XXXV Certamen Internacional de Bandas de Música Vila D`Altea” no ano 2006.

• Primeiro Premio na Sección Especial do I Certame Galego de Bandas de Música celebrado no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela) no ano 2007.

• Segundo Premio na Sección Especial do VIII Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación Provincial de Pontevedra no ano 2008.

• Segundo Premio na Sección Primeira do “XXXVII Certamen Internacional de Bandas de Música Vila D´Altea” no ano 2008.

• Primeiro Premio na Sección Especial do III Certame Galego de Bandas de Música celebrado no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela) no ano 2009.

• Segundo Premio na Sección Primeira da edición 126 do “Certamen Internacional de Bandas de Música Ciudad de Valencia” no ano 2012.

• Primeiro Premio na Sección Primeira do VI Certame Galego de Bandas de Música celebrado no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela) no ano 2012.

• Primeiro Premio e “Corbatín de Oro” na 41 edición do “Certamen Internacional de Bandas de Música Vila D`Altea” no ano 2014.

• Primeiro Premio na XI edición do “Certamen Internacional de Bandas de Música Vila de La Sénia” no ano 2017.

• Premio na VII edición dos “Premios Martín Codax da Música” na categoría de Bandas de Música Popular no ano 2020.

A finais dos anos 70 comeza a súa actividade a Escola de Música da Banda Artística de Merza, que nun principio contaba con dous mestres: Amadeo Valero e Ramón Guzmán. Actualmente, dende a escola de música poténciase, ademáis do traballo individual, a asistencia a cursos e clases , a creación de grupos de cámara e da Banda Xuvenil e Banda Infantil da Artística de Merza, como reflexo do traballo realizado por mestres, mestras, alumnos e alumnas.

Hoxe en día a Banda Artística de Merza ten federados máis de 100 músicos, moitos deles profesionais, está considerada unha das mellores e máis atractivas bandas de música da Comunidade Autónoma Galega e dende febreiro de 2020 está dirixida polo mestre Mateo Gómez Naval.

Novas da Artística

COVID-19

Por razóns de forza maior e en cumplimento da lexislación, a nosa actividade queda suspendida temporalmente. Materémovos informados. Moitas gracias e desculpen as molestias.