Próximos Eventos

No hay próximos eventos actualmente.

“Cadra que a Banda Artística de Merza (fundada en 1828) é a dacana de todas as bandas populares de Galicia. E cadra tamén que somos veciños, do mesmo concello de Vila de Cruces e da mesma comarca do Deza.Cando eramos rapaces, todos reloucabamos de alegría escoitando “as musicas”, como deciamos daquela, que amenizaban cada romaría. O encanto das tocatas, os uniformes co emblema da lira prateada, o relucir dos bronces, todo nos atraía. Logo, de mociños, bailabamos nas festas e o amor primeiro abrollaba entre valses, mazurcas e pasodobres. Bailei moitas veces ó son desta Banda.
Un dia collín o rumbo da emigración. Levei conmigo, como levabamos todos, a lembranza das festas e da música. Volvín a estas terras vintecatro anos despois e quixo o destino que a primeira banda que escoitei fose a de Merza. Emocionante reencontro. Era como se o tempo non tivese pasado.
Merza é de por si musical, pola natureza e pola historia. Hai que coñecela e coñecer o seu contorno para darse de conta. O murmurio do Deza, que apousa na Carixa; a sonora fervenza do Toxa; a evocación dos monxes bieitos que animaban Carboeiro; o camiño da Brea onde estalou o volframio; o espírito señorial que vén dende a Idade Media; o ruxir do vento e o garular dos paxaros na abondosa vexetación montesía…A música resume todo esto.”
(Mensaxe de Xosé Neira Vilas na presentación do primeiro CD “171 Anos de tradición musical”)

Novedades